Tuesday 14 de May de 2024

Marta Míguez felicita á Federación Galega de Ciclismo polo seu esforzo e entrega na presentación da Volta Ciclista a Galicia


A Secretaria Xeral para o Deporte salientou que o ciclismo é un dos deportes máis duros e esixentes ao mesmo tempo que símbolo de compañeirismo, tolerancia e solidariedade

A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, felicitou na presentación da XVII Volta Ciclista a Galicia- a grande capacidade, entrega e continuado esforzo da Federación galega de Ciclismo e lembrou que a bicicleta e o ciclismo conta na nosa comunidade autónoma cunha fonda tradición desde o ano 1933 cando se celebrou a 1ª volta ciclista a Galicia. Tamén felicitou ás forzas de seguridade e aos patrocinadores públicos e privados así como as persoas individuais e voluntarios que a fan posible.
A Secretaria Xeral para o Deporte asegurou que a Volta Ciclista a Galicia é “unha competición consolidada e enraizada na cidadanía galega” que nesta nova edición “comezará en Verín ao pè dun castelo e despois de percorrer 299 km pola nosa fermosa costa rematará ao pé doutro castelo en Monforte de Lemos” despois de pasar por emblemáticas localidades e percorrendo un anaco do Camiño de Santiago ata a Cruz do Incio. Galicia, dixo “é un escenario perfecto para a práctica de moitos deportes ao aire libre”.
Marta Míguez salientou que “o ciclismo é un dos deportes máis duros que existen” e os ciclistas, dixo “teñen unha grande capacidade de sacrificio persoal, de traballo en equipo e de superación de momentos complicados: resiliencia”. “Sen dúbida estamos a falar dun deporte esixente pero tamén un símbolo de tolerancia e vida saudable, de sustentabilidade, de compañeirismo e solidariedade” asegurou.
A Secretaria Xeral para o Deporte ratificou unha vez máis a súa vontade de protexer ás persoas que queren facer deporte ou desprazarse en bicicleta contribuíndo con elo a súa mellora física e ao coidado do medio ambiente e salientou que “todos debemos respectar aos ciclistas no máis amplo sentido da convivencia viaria, a estrada é a súa instalación deportiva, por tanto, potencialmente a de calquera de nós.